Op deze pagina's is het archief van DW B terug te vinden. Voor de actuele website ga naar: http://www.dwb.be

O banco dos mil e un soños

Verschenen in: ATLAS BRUSSEL
Auteur: Xavier Queipo

I. PAISAXE

(OUTONO)

Abraio de cores cando descubro a bancada baixo a árbore que en abano de talos torturados fai lembrar unha foresta en miniatura.

É outono e as follas mudaron de cor: traxedia recorrente dos depósitos férricos, da retracción dos  fluídos, da cerimonia de separación, da perda de puxos aéreos, da ausencia de perspectivas, da diapausa reactiva á acción insidiosa das variábeis estocásticas que fuxen de toda predición, de todo cálculo na procura das chuvias e os ventos que van vir, da neve que atacará en folerpas doces cos seus coitelos de frío, da xeada e da sarabia nas noites grises sen lúa.

É Outono e coma sempre abraio de cores en contraste, das sebes onde as follas resisten co seu verde sempiterno e as árbores van deitando pinceladas de cor no chan húmido e frío, que se acama e se recoce nun levedar constante onde medrarán cogomelos xurdidos como por arte de maxia nos tecidos abrancazados da marabillosa rede de hifas que se expande subterránea, que agroman coa humidade da noite e o caloriño morno das poucas tardes onde as raiolas agariman a terra.

Sento na bancada e observo o paso do tempo. Non é doado. O tempo semella detido, estático, conxelado apenas. Stillness, se cadra stillness defíneo ben, en inglés mais ben, como de realidade estática, como de xarda pasmada atrapada nun bloco de xeo. Tiro do bolso un caderno de peto e comezo a esborranchar deseños a man alzada, anotacións inauditas, rexistros caligráficos tortuosos, coma se atesourase no peito o verme dun degoiro. 

Cando foi a última vez que sentín o acougo bastante? Cando a que detiven o trecolar ansioso para escoitar o son do vento cantando entre as faias? Cando soñei en nada e malia iso fun feliz ás atoutadas? Cando sentín o leve palpitar dun bico lanzado a mil quilómetros? Cando te encontrei? Cando te perdín nunha fita de Moebius con dúas caras infinitas?

 

 

II. RESPIRACIÓN

(INVERNO)

Frío na pel e frío no corazón. Daquela recollo da memoria a ciencia da respiración aprendida cando neno. Sentado na bancada verde, coas costas estricadas e as pernas pregadas como me ensinara o avó ilustrado, baixo as follas da árbore magnífica, observando a sebe sempreviva, collo aire para encher os pulmóns até que as costelas non dean máis de si e o tórax experimente os seus límites elásticos de armazón de canas de bambú. Fago presión para baixar o diafragma, septo brutal entre cavidades. Observo o horizonte próximo mentres unha araña diminuta xurde da mornura do humus. Devagar, impelido por unha forza mesurada vou ceibando o aire a pequenos impulso. A araña fica estática, abraiada se cadra pola quietude do mundo conxelado. Conto deica seis latexos do corazón. Outra expiración: corrente que vai medrando polo espiñazo enriba. Repito agora a manobra cos mesmos tempos e intensidades. Unha vez e mais outra. Dinámica da circulación sanguínea, a vista clarea e o corpo semella acordar nesta tarde de inverno. Encol dos ombreiros, nas miñas costas, sinto a sombra acolledora dos nove talos que conforman a foresta minúscula. Sinto a sombra acolledora de Nanja coma se eu fose un aprendiz de lama camiño da iluminación, coma se esta árbore fose un pipal, unha figueira sagrada, o lugar mesmo onde Gautama, iluminado, se transformou en Buda.

Frío na pel e frío no corazón, mais o interno arde e se consume.

 

 

III. LUGAR NO MUNDO

(PRIMAVERA)

Ouro no peito, chega na primavera o paporroibo (Goud op de borst/Komt in de lente/De roodborst).

Primavera, cando as árbores acordan nos seráns escarlata. As nubes lucían espléndidas, como saídas dun cadro de Magritte. Nubes que medraban no cimo dunha copa ou na sobrecella, que delimitaban campos semánticos ou reinventaban paisaxes surreais, que facían acordar no medio de soños fantásticos e sequidade nos beizos. Agora as estaciones mudaban cunha cadencia estraña, con invernos curtos e primaveras alternantes, con veráns de instauración tardía e lindes pouco definidas, con outonos inexistentes, onde a caída das follas coincidía coa aparición das primeiras nevaradas, ou nos que tomar baño no río era una alternativa posíbel. As nubes fixéronse mestas naquela desorde de signos. Cúmulos branquísimos e un frío terríbel. Ceos dun azul apagado, case turquesa, e unha sensación estraña de que o tempo se detén. Stillness, xa dixen stillness, díxeo?; que cadaquén pode atopar –abraio da descuberta- o seu lugar no mundo, de camiño tortuoso ou iniciación ao paraíso.

revirou o meu interior como unha luva volta do revés, que me fixo atopar o meu lugar no mundo,

Se cadra o meu lugar no mundo, ese lugar único, privativo, onde eu son eu e ninguén máis pode acadar é esta bancada onde contemplo as nubes, as follas das árbores, a araña pasmada polo frío, onde escoito a danza do vento, onde sinto a unión dos contrarios, a vasteza do horizonte e a soidade máis fonda, a sensación de estar á valga aboiando nun mar verde atravesado por unha cobra sen ollos.

Desvarío, con certeza desvarío. A que ven a dúbida, o discurso sobre os contrarios, o xogo de abelorios sobre o fluído e o sólido nunha recreación simplista do Tao do mundo, da dialéctica dos sentidos?

Non sei, deste lado do paraíso todo semella distinto.

 

IV SOÑO QUIMÉRICO

(VERÁN)

O vento move/as follas da cerdeira/o merlo canta! (De wind waait door/de bladeren van de kersenboom/de merel zingt!)

As flores de loto invaden o estanque das tartarugas, disimulan os excesos e as tensións que acontecen no sorrío: combates desiguais onde vencen as forzas subacuáticas, xurdidas da anorexia subxacente á condición escura.

 

Os seres máis deformes que a sufrida natureza pensase para si, habitan as raíces flutuantes dun mundo ganado en batalla singular. Naumaquia que reordena o fluxo de sustancias na lagoa averdada, onde nadan sen descanso carpas exoftálmicas e albinas.

 

As intermitentes flores do dourado loto, co seu abre/pecha reactivo, levadas polo aire violento no río sen fin das mutacións circadiáns, verdadeiras nais nutricias e dondas de todos os ciclos coñecidos, de todas as marabillas soñadas na ilusión de tensión e resistencia.

 

Sen o necesario tempo cobizado para repensar a existencia propia, replícanse devagar as estruturas amarelas na retina das carpas, facendo xurdir en cromática enxurrada unha fita de imaxes estrambóticas, que dilúen en esencia acuática todo o que na superficie acontece.

 

Xa mesmo estiran as garridas tartarugas os seus pescozos riscados, gozando da brisa mol que contorna con dozura as pedras do estanque,  chegada en suaves ondadas dos catro cantos da estancia fría, onde o Deus Eolo deixara repousando aos seus amados fillos.

 

Os nenúfares albinos inventan unha vida subacuática, atraendo coas trampas do fedor de corolas inflamadas, engaiolando aos inimigos coa aparencia sólida das follas, contornando perigos presentidos e mutacións salgadas.

 

Hai unha batalla singular de paladíns contra heroes en declíneo. Hai rinchar de coirazas e salferir de sangue de cores imposíbeis, que bañan os corpos deformados na liorta sen cuartel, mentres do abismo do pasado xurde o escamudo antepasado ancestral.

 

Estouran ferros contra ferros penetrando logo nas carnes. Soldados replicando as súas forzas na espera da fartura na vitoria, da rapina que sempre sucede as batallas de soga e coitelo desalmado, dende que o mundo inventara en pesadelo territorios e batallas.

 

Nentanto as carpas do estanque mostran as feridas inflixidas, os ollos exoftálmicos burbullando globosos nas cuncas, as escamas en sarabullo de feridas e infestacións reactivas, as queixadas deformadas polo enfisema da derrota hídrica.

 

Na confusión da naumaquia singular contra o inimigo invisíbel, as fantásticas trirremes irmáns atacan as carracas dos veciños, as lombardas e os canóns disparan salvas coa pólvora mollada, mentres un fume azulado se estende sen limite preciso.

 

Nubes de sinais cifradas expanden a angustiosa luz azul, que todo invade nos seus pálidos reflexos malaquita. O aire vaise inzando de cheiros e cadáveres espallados, morte masiva que anuncia unha retirada táctica dos heroes.

 

Armada apoteose inzada de setas en ourizo asimétrico. Oriflamas coloradas en estratexia de combate en campo aberto. Cornos de chamada que en tempos fixera soar o magnífico Roldán. A espada na man do glorioso Abbadón, anxo exterminador.

 

 

 

V. SÍNTESE INTEMPORAL

Abraio de cores cando descubro a bancada baixo a árbore que en abano de talos torturados fai lembrar unha foresta en miniatura.

Frío na pel e frío no corazón, mais o interno arde e se consume.

Non sei, deste lado do paraíso todo semella distinto. Avanzando nun xel laranxa. Sen d dubida iso é o real. Abrente? Solpor? Se cadra quietude. Xa dixen quietude?

Desvarío, con certeza desvarío. A que ven a dúbida, o discurso sobre os contrarios, o xogo de abelorios sobre o fluído e o sólido nunha recreación simplista do Tao do mundo, da dialéctica dos sentidos?

Stillnes, xa dixen stillness? Sento na bancada e observo o paso do tempo.

 

De vertaalde tekst lees je in de papieren versie van DW B 2017 1 ATLAS BRUSSEL.